Tenda

Os nosos viños

Terra de Asorei, un albariño auténtico e honesto. Nai, contemporáneo e elegante. Pazo Torrado, tradición e festa albariña.


Asorei

Asorei elabórase con uva albariña 100% do Val do Salnés, procedente maioritariamente de pequenas plantacións de Cambados.

En Cambados, capital do Albariño, e do Salnés, non soamente se comezou a cultivar as cepas de albariño, senón tamén a catar, vender e comercializar este viño a partir de 1953. O albariño Asorei mantén esta fidelidade á tradición, o saber facer e apreciar a riqueza da uva albariña feita viño.

Seguindo a tradición adegueira e de cata de Cambados e do Val do Salnés, nas Rías Baixas, creamos este albariño, afroitado, saboroso e agradable ao padal do Concello de Cambados.

Ver información    Comprar

Terra de Asorei

Terra de Asorei elabórase con uva albariña 100% do Val do Salnés e durante 6 meses sobre as súas propias lías. Nos traballamos os viñedos coma o escultor traballa a pedra, tallando con cinceladas de experiencia, ciencia, alma e humanidade para acadar arte feita viño: Terra de Asorei. Cambados, capital do Albariño, é terra de grandes escultores que levaron a pedra e a madeira galega a formar parte do diálogo universal da arte, coma nós queremos presentar a autenticidade do albariño Terra de Asorei para entrar en diálogo cos grandes viños do mundo.

Ver información    Comprar

Terra de Asorei Selección Privada

As características da uva albariña do Val do Salnés da colleita 2018 permitiunos acadar ese equilibrio elegante e complexidade en boca, partindo dunha boa acidez, do traballo de battonage e do contacto coas súas lías durante 12 meses. Despois dun repouso en botella, sae ó mercado en xuño de 2020, 6.666 botellas numeradas.

O albariño Terra de Asorei Selección Privada simboliza a irmanda familiar da nosa adega, a súa tradición e innovación que nos vai permitir gozar dunha experiencia chea de matices organolépticos.

Con paciencia e dedicación, Lino Domínguez, Vicepresidente de Adegas Terra de Asorei, e Sofía Vilanova, Responsable de Enoloxía e Elaboración, coidan esta Selección Privada de Terra de Asorei.

Xosé Ramón Durán - Roque, Presidente de Adegas Terra de Asorei, foi a persoa que propuxo no Pleno do Consello Regulador Rías Baixas un novo concurso para honrar e poñer en valor a tradición dos albariños embotellados despois de 12 meses de elaboración, que permite evolucionar ó albariño en matices cos anos.

Ver información    Comprar

Brut Terra de Asorei

O Brut Terra de Asorei é a explosión elegante das burbullas da uva albariña. Nel podemos recoñecer unha elaboración 100% con uva albariña do Val do Salnés das Rías Baixas e cun tempo de rima nas súas lías duns 18 meses. É a nosa brincadeira aposta dende Galicia por un escumoso de calidade, que segue o tradicional método champenoise. A calidade, o zume e acidez das primeiras uvas albariñas da colleita son a base deste brut que agarda ser descuberto.

Ver información    Comprar

Brut Nature Terra de Asorei

O Brut Nature Terra de Asorei representa a fidelidade á uva albariña, mediante pequenas burbullas que expresan a autenticidade e frescor do albariño. Con este escumoso de uva 100% albariña do Val do Salnés das Rías Baixas, obtemos durante uns 24 meses en rima nas súas lías, a máxima expresión dun escumoso de albariño. Brut Nature Terra Asorei é un escumoso de calidade, procedente das primeiras uvas albariñas obtidas da colleita e seguindo o método de elaboración tradicional champenoise. A calidade e a fidelidade á uva albariña do noso Nature sorprenderán a aqueles padais ávidos por descubrir novas experiencias vinícolas.

Ver información    Comprar


Nai é un Albariño elegante, sutil, mineral, fresco, con postgusto longo e persistente, fiel á uva albariña 100% do Val do Salnés. De viñedos de mais de 20 anos que reciben a influencia mariña da Ría de Arousa e do Atlántico, outorgándolle esa salinidade de seu. Nai e señora é o nosa homenaxe ás mulleres do século XXI, independentes e con poder. Cando os poetas e artistas galegos de principios do século XX dicían “Nai e señora”, pretendían render homenaxe ás mulleres, traballadoras e garantes da independencia familiar e da sociedade galega e á súa terra: Galicia. Nai dispón tamén do formato pequeno, de 37,50 cl.

Ver información    Comprar


1953 Pazo Torrado

Pazo Torrado é uva albariña 100%. Elaborado en adega de acordo cos métodos tradicionais do Val do Salnés, nas Rías Baixas. Pazo Torrado é o noso Albariño de toda a vida: afroitado, saboroso e agradable ao padal. Pazo é o nome galego que reciben as grandes casas. O Pazo de Torrado foi construído na segunda metade do século XVII e reconvertido nos primeiros anos do século XXI para que fose a sede do Consello Regulador Rías Baixas. Está situado en Cambados, onde tódolos veráns dende o ano 1953 outorgase un galardón ós mellores albariños. Queremos render homenaxe aos amantes deste viño, viticultores e adegueiros que dende a Festa do Albariño, levaron este viño galego ao mundo e o senten no corazón. 1953 Pazo Torrado amosa duas presentacións distintas, unha delas máis común no mercado galego e europeo e a outra en países de américa e anglosaxóns.

Ver información    Comprar

Brut 1953

As cualidades naturais e a riqueza aromática da uva albariña do Val do Salnés, lévanos a elaborar un Escumoso seguindo o método tradicional champenoise. Despois de que o noso enólogo traballase durante 10 anos en poñer a punto o seu proceso, presentamos o Brut 1953 Pazo Torrado. Comezando así unha nova xeira para o albariño en compañía doutras adegas do sector que tamén apostan por esta renovación que representa o vino albariño. En 1953 comezou a celebrarse o xantar e a festa do albariño en Cambados, dando lugar á venda e comercialización do albariño que ata aquela gardaban como ouro en pano nas pequenas adegas familiares do Val do Salnés. Cando en 2015 a irmandade adegueira comezou a elaborar en Adegas Terra de Asorei para celebralo, comezamos a seleccionar as primeiras uvas da colleita que son o viño base deste escumoso de albariño cuns 9 meses en rima.

Ver información    Comprar

Mostrando o único resultado